O POETA EN SANTIAGO

         I

A tristeza o viu chegar
na noite húmida e escura.
Lonxano amor… e o luar
xunto á insistencia da chuva.

O poeta lembra as falas
laios da xente na rúa;
unha nube é a mortalla
da cara branca da lúa.

Lembranza de doce amor…
Polas portas e xanelas
pechadas dende o solpor
se apagan luces marelas.

Santiago lonxe… Silenzo
estremece os tristes vidros
daquel antergo e inmenso
inverno de ollos tan fríos.

        II

Galicia trae na saudade
tecido en tebras e luz
un cantar que sempre há de
louvar ó mozo andaluz.

Mentras houber un que cante
E un que escoite a outro cantar
seus versos serán perante
estes campos e este mar.

Salaia un pranto irisado
nas cores do arco da vella.
Galicia escoita este fado
xemer na noite valeira.

Canta, que te escoita a triste
nai dos galegos e o día
xa ven co galo que insiste
en despertar Rosalía.